Friday 03 de May de 2024

O prazo para optar ás bonificacións do 95% do IBI ás explotacións agrarias e gandeiras de Lousame estará aberto ata o 19 de novembro


 

O Concello de Lousame informa de que ata o 19 de novembro estará aberto o prazo para a entrega de documentación para optar ás bonificacións do 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) naquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Unhas bonificacións aprobadas en novembro de 2017 porque “consideramos que o sector agrario e gandeiro é estratéxico para o noso territorio e porque Lousame é un concello plenamente rural”, indica a alcaldesa Teresa Villaverde.

Os veciños e veciñas interesados/as en optar a esta bonificación deberán presentar no Concello de Lousame o certificado de Facenda no que conste a súa situación censual, acreditación da titularidade catastral do inmoble, certificado de non ter débedas coa Seguridade Social nin con Facenda (estatal, autonómica e local) e xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza de actividade. Teresa Villaverde lembra que é o veciño/a quen ten que solicitar a bonificación, xa que a Lei non lle permite ao Concello outorgarlla directamente de oficio.